6.24.2005

Misterio

Quizais as pingas non fosen moi grosas, pero caían tan xuntas unhas ás outras que conformaban unha cortina mesta e pesada. As terrazas baleiráronse nun suspiro e os cafés e refrescos axiña quedaron perdidos en auga. Os turistas sorprendidos pola chuvieira mentres atravesaban a praza corrían a todo correr cara aos soportais, aínda que iso non lles evitaría empapárense até os ósos. Entre os que chegaban á zona protexida, os máis novos rían ás gargalladas asemade que sacudían roupa e cabelo, algúns apresurábanse a enxugar as cámaras de fotos e outros buscaban acomodo nos bares que tiveran o bo acordo de poñer as terrazas a cuberto.
Desde alí, privilexiado patio de butacas, víase o escenario da gran praza sen máis actores ca un home que avanzaba a ritmo lento e constante sobre as muletas e a súa única perna. A figura, case un borrancho difuminado entre a auga, definíase cada vez máis a medida que se achegaba, facíanse máis impoñentes os seus dous metros de altura, a seriedade da faciana aínda nova, a dignidade do porte elegante e asimétrico.
Algúns sentiron dó por el; outros envexáronlle a distinción; uns poucos pensaron que debía ter uns brazos moi fortes, e os menos barallaron suposicións de como perdera a perna. Todos procuraron disimular a curiosidade ollando para os seus compañeiros cando por fin chegou ao soportal, pero ningún puido dominar un arrepío ao decatarse de que aquel home estaba completamente seco.

6.13.2005

Para sempre

Eu non podía vivir sen ela, tíñao claro, mais sabía que o noso amor estaba a piques de rematar; non me pregunten como porque estas cousas se notan: un arrepío convulso ao estender a man para acariciala, una mirada estrañada ante un quéroche murmurado na orella, un rechazo apenas disimulado con calquera escusa... Sabíao e por iso apelei aos meus coñecementos secretos, para permanecer ao seu carón aínda que ela amase a outro; convertido en lunar salteille ao bordo do beizo superior, xusto aí ao lado dereito, onde sempre un fino dedo repasaba unha engurra inexistente. E aquí estou, formando parte dela para sempre.

6.12.2005

Estímulos

Fíxeno porque non me ocorría nada extraordinario, porque me aburría, porque necesitaba un estímulo que dese emoción á miña vida; desde que saín do hospital, ando moi ocupado cos exercicios de rehabilitación e coñezo xente curiosa na especie de ximnasio que hai na clínica. Claro que me doeu cortar a man, pero confiaba nos médicos para implantárenma de novo. Isto de aprender a usala abriu un campo de sensacións descoñecidas; xusto o que estaba precisando.

6.02.2005

Carraxe

O lapis non aturou a presión dos dedos e rachou pola metade; as dúas partes saíron despedidas contra a parede acompañadas dun berro prolongado en ouleo, saído do máis fondo dun ventre escuálido. Libros, mesa, cadeira e púcaro foron facerlle compañía ao lapis ferido, anacos dunha carraxe sen sentido.
Bágoas polo abandono inesperado, folerpas dun amor morto por un só cabo, devezos asasinos que axiña calmarían sen mancar. Ficas só. Quizais o merecías.