6.24.2005

Misterio

Quizais as pingas non fosen moi grosas, pero caían tan xuntas unhas ás outras que conformaban unha cortina mesta e pesada. As terrazas baleiráronse nun suspiro e os cafés e refrescos axiña quedaron perdidos en auga. Os turistas sorprendidos pola chuvieira mentres atravesaban a praza corrían a todo correr cara aos soportais, aínda que iso non lles evitaría empapárense até os ósos. Entre os que chegaban á zona protexida, os máis novos rían ás gargalladas asemade que sacudían roupa e cabelo, algúns apresurábanse a enxugar as cámaras de fotos e outros buscaban acomodo nos bares que tiveran o bo acordo de poñer as terrazas a cuberto.
Desde alí, privilexiado patio de butacas, víase o escenario da gran praza sen máis actores ca un home que avanzaba a ritmo lento e constante sobre as muletas e a súa única perna. A figura, case un borrancho difuminado entre a auga, definíase cada vez máis a medida que se achegaba, facíanse máis impoñentes os seus dous metros de altura, a seriedade da faciana aínda nova, a dignidade do porte elegante e asimétrico.
Algúns sentiron dó por el; outros envexáronlle a distinción; uns poucos pensaron que debía ter uns brazos moi fortes, e os menos barallaron suposicións de como perdera a perna. Todos procuraron disimular a curiosidade ollando para os seus compañeiros cando por fin chegou ao soportal, pero ningún puido dominar un arrepío ao decatarse de que aquel home estaba completamente seco.