4.28.2005

Ao axexo

A cortina un chisco levantada permítelle observar sen ser visto os inquilinos da casa veciña; cada un traballa nun cuarto diferente, mais fanse visitas cada media hora para acariciarse a cabeza, darénse un beixo, tomar un café ou compartir un cigarro. Ben se ve que son felices.
Cambiou os prismáticos por unha mira telescópica acoplada a un rifle de precisión o día que descubriu que son dous homes. Está certo de que nunca disparará, pero faille ilusión sentirse poderoso. ¡Se eles soubesen!

4.27.2005

Molestias profesionais

Doíalle o furabolos desde o último traballo; non debería ter apretado o gatillo con tanta forza.

4.25.2005

Por repetir

Pasouse un pouco, a verdade; se son sincero, non me estraña que o matase; ti mesmo -pacifista até a medula- poderías chegar a ese punto se che fan o mesmo. Porque, dime, ¿quen resiste sen alterarse que lle conten seis veces seguidas a mesma anécdota? ¡Confesa! ¿A que te irrita?

4.24.2005

O veciño do lado

Des que me puxeron ese veciño no cuarto do lado, parede con parede, as formigas están máis rabiosas ca nunca; non me deixan durmir polas noites intentando agatuñar polo meu corpo arriba para metérseme adentro e comerme as entrañas. Teño que sacudir a roupa sen parar e non sei se darei feito. Son milleiros e milleiros. O veciño, entrementres, só sabe berrar, berrar, berrar... Din que é esquizo. ¡Menos mal que eu só son paranoico!