8.04.2005

Xullo chuvioso

Ía máis que mediado o mes e as chuvias non tiñan aire de querer parar, os paseos eran arriscados por mor do forte vento que as acompañaba e que convertían calquera intento de camiñar nunha odisea, fracasada de vez se un non vestía un traxe de auga completo. O paraugas, madía leva, constituía máis un estorbo ca unha protección.
Mariña estaba feliz con tanta auga, revivía das súas doenzas coma unha flor sometida a un drástico proceso de recuperación, ao contrario ca min, que me atopaba ao bordo do afogamento; quería sol, días despexados, ceo azul e calor. Eu murchaba ao ritmo que ela recuperaba o seu esplendor.
Esaxero un chisco, sospeito, pero máis ou menos así me sentía. Mariña non se deixaba asustar por catro gotas -dicía- e a min arrepiábame a soa idea de meter un pé nuns charcos que aprendían a ser pozas. Era unha das moitas diferenzas entre ela e eu, as mesmas que me engaiolaran había unha ducia de anos e que agora se me antollaban abismos abertos entre os dous, enormes, insalvables.
Foi entón cando se me cruzou no camiño aquela camareira.