1.31.2006

Drástica medida

A persecución fora metódica desde que aparecera a primeira exploradora, alí, moi preto do tarro de mel; as batidas deron o seu froito e, en canto atoparon o punto de acceso, empapárono cun produto máxico, deses que cumpren o que prometen, e respiraron tranquilos durante unha tempada. Mais as formigas son teimudas; unha vez que achan unha despensa son capaces de agardar con paciencia mentres buscan outro portal polo que coarse ao interior. Agora aparecen por non se sabe onde, espállanse con disimulo polo granito da cociña, case invisibles até que unha man tropeza por casualidade ou un pano as atopa no seu camiño. De xeito inexplicable, asoma unha entre o cabelo ou as roupas, solitaria, prendida nun roce ou nun suspiro. A obsesión pola súa presenza fai que os corpos proian sen descanso, temerosos de sentir as minúsculas patas percorréndolles pescozos ou brazos. Os habitantes da casa comezan a pensar nunha mudanza.

1.25.2006

Serena beleza

O sol acariñáballe un brazo, fóra da sombra do parasol, revelando unha penuxe que a simple vista non se notaba. Non a preocupaba que as raiolas tinguisen a súa pel branquísima e sorría con dozura ao home sentado ao carón dela. Bebían unhas cervexas pensando nunha reconciliación imposible mentres a tarde esvaraba polos muros dos edificios circundantes, máis e máis vencidos polas sombras. Xa non había paixón, só tenrura.