5.29.2005

Remedio

Se non podes loitar contra o inimigo, únete a el. É a mellor maneira de desarmalo.

5.25.2005

Vida decimo terceira

As miñas doce vidas anteriores foron fonte de moitas alegrías. Como pedra, ondas, furacán e carballo non tiven prezo; demasiado breves a chama e a palabra, mais intensa a permanencia de espenuca. Estremezo ao lembrarme abella raíña; alédome de ter sido unha garza; gratifícame saberme útil audífono e folla sabia; como idea, mellor non me pronuncio.
Agora son proxecto e ando á espera de saber en que derivarei.

5.20.2005

A flor

Os efectos beneficiosos da orquídea ben se vían na súa figura: éralle moito máis doado seguir a dieta, ir amodiño diminuíndo o número de talle, facerse día a día máis esvelta. Ignoraba quen lla mandara e ningunha das súas cábalas lle dera unha resposta factible. Estrañábase de que non murchase malia levar varias semanas na casa, no púcaro branco, mesmo semellaba medrar de xeito imperceptible, aumentar a súa carnalidade a medida que ela adelgazaba (coincidencia, sen dúbida, pero ben curiosa); calquera diría que até ría. ¡Que linda se estaba poñendo!

5.14.2005

Plumas de pavón

Aceptara as plumas por bonitas e púxeraas nun púcaro de louza branca encol da mesa do despacho, moi preto da fiestra. Lembrábanlle a Argos e a Io, á furibunda Hera e ao salaz Zeus -a Dani encantáballe a mitoloxía-, bailaban ao ritmo da brisa que se coaba desde fóra, pero os ollos sempre se mantiñan fixos nel, como reprochándolle o seu triste presente, achando de menos os irmáns.
E o día en que adormeceu diante daquel balance tan aburrido, saltaron desde as canas e espetáronselle na fronte en busca doutra compañía. Agora Dani usa sombreiro ben encaixado até as cellas e nunca saúda pola rúa.

5.11.2005

En defensa propia

Mateina en defensa propia: estábame deixando sen a parte de aire que me toca. Comezaba a custarme respirar.

5.07.2005

O monxe e a pantasma

Oraba na súa cela con fervor, os xeonllos espidos apoiados no chan de pedra rugosa, dirixidos os ollos cara á imaxe de Cristo crucificado, as mans xuntas palma con palma. Oraba para sentirse firme na fe, para que un sinal inequívoco lle asegurase que non estaba desperdiciando a vida; canto maior o seu afán, máis pesaba o silencio.
As gargalladas sacárono do rezo e virou sobresaltado: unha nebulosa informe vagamente humana sacudíase no aire a golpe de risos que ecoaban nas paredes núas, tremelucían coma estrelas no ceo escuro enchéndoo de esperanza. Por fin calmada, a pantasma soltoulle a queimarroupa: ¡Inocente! ¿E logo aínda non aprendiches que o teu deus non existe?
Parecía saber de que falaba.

5.03.2005

Eu non o faría (pero ela si)

Non sei por que lle molestaban tanto as chamadas; ¿acaso é un delito telefonar? Eu só quería informala de que me gustaba a rabiar, de que me excitaba até doerme o corpo todo. Aínda non comprendo como me localizou. Pasouse moito ao mandarme aqueles dous tíos para me daren a malleira; tardarei meses en poder usar de novo o teléfono.