4.04.2010

Movemento

A sensación foi estraña por inesperada, aínda que tamén podía tratarse dunha alucinación desas que había tempo non padecía. Refregou os ollos ao tempo que se dicía a si mesma que non delirase, que na realidade non pasaban esas cousas; respirou fondo varias veces aferrada ao bordo da mesa coma quen se quere convencer da propia cordura. Logo, cun único e preciso xesto, levantou a tampa e mirou; non cabía a menor dúbida: o lixo movíase no cubo coma se estivese vivo.

9.17.2007

Ao xeito de Aub

Matouno para que non se volvese anoxar con ela nunca máis.

5.20.2007

Sen tempero

Agardou a súa quenda expectante, pero non contou con que perdería o tempero antes de disparar. Pagou polo erro sen decatarse, case sen dor.

A cita

Chego tarde á cita, seino, pero non podía deixar sen atar a mamá. Espero que o can non roia as cordas e a ceibe. Non sobreviviría.

Este microrrelato gañou o concurso de lemos galego fallado o día 17 de maio de 2007.

4.15.2007

Nudez

Estaba sobre unha mesa e comprendía o que alí se falaba; ao seu xeito comunicábase con X, que exercía de tradutor para os demais. Por un intre coidei que soñaba, que aquilo non podía ser real; incluso tiven tentacións de beliscarme para comprobar se me doía, pero desistín por tópico e absurdo. Vin latexar aquela masa informe, non maior ca un cerebro, brillante e viscosa, sinal inequívoco de que "falaba". X mirounos desconcertado. A masa pedíalle por favor que o cubrise, que sentía vergonza de amosarse nu.

6.11.2006

Erro

Colleu o can polo lombo, coma se fose a acariñalo; a pelaxe, mesta, semellaba la de ovella antes de a tosquiaren, donda, lene, case branca. Sabía que debía matalo, pero os ollos acuosos fitábano sorrindo, seguros de que ningún mal lle podía acaer da man do seu amo. Que trabucado estaba o pobre animal!

1.31.2006

Drástica medida

A persecución fora metódica desde que aparecera a primeira exploradora, alí, moi preto do tarro de mel; as batidas deron o seu froito e, en canto atoparon o punto de acceso, empapárono cun produto máxico, deses que cumpren o que prometen, e respiraron tranquilos durante unha tempada. Mais as formigas son teimudas; unha vez que achan unha despensa son capaces de agardar con paciencia mentres buscan outro portal polo que coarse ao interior. Agora aparecen por non se sabe onde, espállanse con disimulo polo granito da cociña, case invisibles até que unha man tropeza por casualidade ou un pano as atopa no seu camiño. De xeito inexplicable, asoma unha entre o cabelo ou as roupas, solitaria, prendida nun roce ou nun suspiro. A obsesión pola súa presenza fai que os corpos proian sen descanso, temerosos de sentir as minúsculas patas percorréndolles pescozos ou brazos. Os habitantes da casa comezan a pensar nunha mudanza.

1.25.2006

Serena beleza

O sol acariñáballe un brazo, fóra da sombra do parasol, revelando unha penuxe que a simple vista non se notaba. Non a preocupaba que as raiolas tinguisen a súa pel branquísima e sorría con dozura ao home sentado ao carón dela. Bebían unhas cervexas pensando nunha reconciliación imposible mentres a tarde esvaraba polos muros dos edificios circundantes, máis e máis vencidos polas sombras. Xa non había paixón, só tenrura.